lunes, 7 de noviembre de 2016

A experiencia SVE de Manuel: Croacia



· O teu nome?
O meu nome é Manuel Piñeiro González.

· A onde fuches de voluntariado?
Fun á Sisak, no condado de Sisacka-Moslavina, Croacia, ao sur da capital, Zagreb, na organización de acollida Agencija Lokalné Democratij, que forma parte da rede de ALDA, promovida polo Consello de Europa.

· Con cantos anos?
Entre os 25 e os 26 anos.

· Coñecías o idioma?
Non coñecía o croata. A lingua vehicular de traballo foi o inglés, o cal mellorei moito alí. Aprendín nocións básicas durante a miña estancia, e aínda fiquei namorado das linguas eslavas.

· Por que te decidiches facer este voluntariado?
Decidín facer o EVS por varias razóns: a primeira, porque adiviñaba unha experiencia enriquecedora a nivel persoal, mesmo profesional, segundo, porque naquel momento estaba nun momento de indecisión na carreira que escollera, debido á situación inestable e precaria no mercado laboral dos xornalistas; terceiro, porque estando lonxe da casa, aliviaba a economía familiar un pouquiño.

· Tiñas experiencias semellantes?
Si, eu xa fixera un voluntariado de curta duración en Plungè, Lituania, na asociación Cyrulis, durante o mes de xullo de 2009. Alí, construímos unha casa con técnicas de permacultura co fin de proporcionar un local destinado a centro social. Digo “construímos” porque fomos tres voluntarios do Morrazo, enviados por Amigos da Terra, onde coñecimos a voluntarias e voluntarios de Lituania, Reino Unido, Italia, Xordania, Palestina, Francia, Alemaña.
Amais, un par de anos antes, no 2007 fixera un intercambio xuvenil en Atenas, onde comecei a coñecer os programas xuvenís da Unión Europea, e tiven ocasión de coñecer xente moza de Turquía, Grecia, Letonia, Lituania, Alemaña. Tamén estiven de Erasmus na Università degli Studi di Bologna, en Italia no curso académico 2008-2009.

· En que proxecto ou proxectos colaboraches na asociación?
Traballei no día a día da oficina de LDA-Sisak, facendo recados, axudando con documentación, aprendín a traballar con proxectos europeos de cooperación transfronteiriza con Bosnia e Hercegovina. Unha dos obxectivos da organización foi a promoción do voluntariado local e europeo entre a mocidade de Sisak en institutos e
centros de formación profesional. Tamén botabamos un cabo nas actividades de lecer e tempo libre na residencia de maiores e persoas dependentes: fixemos un graduado en parchís e damas!. Tamén creamos material de promoción e participamos en seminarios, debates, e proxectos europeos de integración. Amais, din aulas de introdución ao español e o portugués na organización local Novi Svijet. Fixemos tamén unha pequena guía de Sisak, como proxecto propio, entre Frosina Stojanovska, a miña compañeira EVS de Macedonia, e mais eu.



· Por que o escolliches?
Tiña moitas ganas de ter una experiencia por contra propia no estranxeiro e Croacia era daquela un país exótico: non tiña nin idea o que alí agardaba. As últimas noticias que tivera daquel descoñecido país era a guerra da antiga Iugoslavia. Desde entón, apagaran a información sobre estes países nos medios xeralistas.

· Que fixeches?
Contactei con Amigos da Terra, expliqueille que estaba disposto a irme de EVS sen problema e aos quince días recibiron unha chamada urxente de LDA – Sisak, que precisaban un voluntario substituto.

· Que dificultades atopaches no SVE/EVS?
Dificultades? Non demasiadas, que eu lembre. Anécdotas: Croacia en inverno é xélida, e naquel inverno, en concreto, foino máis. Estar a -20 graos foi toda unha experiencia. Ter que quentar a casa coa cheminea, e carrexar toda a madeira para tres meses no soto do edificio, aprender a cortar co machado, etc. Son anécdotas, non o pasas de todo ben, mais agora lembro cun sorriso nos beizos.

· Como o solucionaches?
Todo problema ten unha solución. Hai que coñecer o contexto e trazar a estratexia para saír o mellor posible del. Coa inestimable axuda de Frosina, sempre foi todo máis ameno.

· Que foi o que máis che gustou?
Poder facer unha inmersión total nunha sociedade allea foi unha experiencia de vida. Ver como a capacidade de adaptación, iso que nos define como seres humanos, a conservación e supervivencia, entran en xogo, foi unha aprendizaxe enorme. Poder comprobar que a pesar das feridas recentes naquela sociedade, da tráxica guerra na que se viron envoltos, semellan que cicatrizan adecuadamente, cando menos, na mocidade, sector no que eu desenvolvín máis a miña actividade. Viaxar por toda Croacia, achegarme a Bosnia e Hercegovina, a Eslovenia, pasear polas rúas de Zagreb. Bótoo en falla, a verdade. Coñecer a xente á que teño en alta estima aínda hoxe, a pesar da distancia e do tempo, como Frosina, Robert, Nikola, Iva, Dinko, que foron
amigos e colegas ou ás compañeiras de traballo, Ivana Grgic e Ivana Kaleb, mesmo á supervisora, Paula Rauzan, da que valoro o seu traballo máis e máis co paso do tempo.


· Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro? En que maneira?
Foi unha lección de humildade. Na miña casa sempre incidiron neste valor, a pesar da posición que ocupes, tenta ser humilde. Mais, viaxando cúrase toda arrogancia de pensarmos como individuos que somos centro do mundo. Como o vello profesor Otero Pedraio, foi un pouco, a viaxe de Adrián Solovio en Arredor de Si, comecei a pensarmos máis en comunidade, en sermos máis nós e menos eu. Ou explicado doutra maneira: pensar na miña persoa con respecto aos demais, e non só na miña persoa. Pensar no meu benestar para, como unha pequena gota de auga que cae na poza,un pouco como efecto bolboreta, mellorar a miña contorna. No apartado profesional, pois estiven preparando as oposicións para administrador da Unión Europea e preparo os exames para acadar o título polo Instituto Ortega i Gasset de Experto en Políticas da UE.

· Recomendarías facer algo semellante? Por que?
Si, sen dúbida. É máis, creo que é unha iniciativa para rapazas e rapaces entre 18 e 21 anos é moi beneficiosa: nesa idade, cando estás a decidir que vas facer da túa vida, unha viaxe e experiencia así, que te obriga a emancipar o pensamento, tan atado a prexuízos, estereotipos e hábitos, polo xeral, é un tesouro para mellorar calquera habilidade, capacidade ou competencia que se prece.

No hay comentarios:

Publicar un comentario