miércoles, 12 de octubre de 2016

Santiago estivo no 2014 en Irlanda traballando como xornalista ambiental



Santiago Agra estivo no 2014 en Irlanda con GEAI (Good Energy Alliance Ireland) onde participou en campañas de lobby e educación en torno ao fracking, cambio climático ou enerxías renovables. Descobre como esta experiencia marcou o futuro deste mozo como xornalista ambiental agora en Nicaragua ademais de coñecer a persoeiros interesantes como  Gerry Adams, o líder do Sinn Féin.



Por que elixiches facer un SVE?
Porque era unha boa alternativa á situación que vivía naquel momento. Como moita outra xente da miña xeración, estaba en paro logo de estudar carreira e máster, e como moitos e moitas sentinme forzado a marchar. Un amigo faloume do SVE e comecei a buscar información sobre que era e as oportunidades que ofrecía e probei sorte. Tiña claro que quería empregalo para gañar experiencia no meu eido, para ter un mellor nivel de inglés e como trampolín para futuros traballos.




Que é o que máis che gustou? e o que menos? Tiveches algún problema?
A oportunidade de traballar no meu eido, nun lugar no que creo que aprendín moito, e coñecer aínda máis Irlanda, tanto o Norte e o seu conflito como a República. O único problema foi que o lugar onde fixen o meu voluntariado era nunha pequena vila do oeste da illa, unha zona mal comunicada e da que a xente nova fuxe. Un lugar moi fermoso, pero ás veces facíase un pouco despoboado. Tiven a sorte de son ser o único voluntario.




Cal foi a maior aprendizaxe que tiveches durante a túa estancia?
Probabelmente gañei moita resiliencia persoal, polo feito de estarme desenvolvendo noutro país e noutra lingua, amais dun mellor nivel de inglés. Alén diso, aprender a tocar samba e participei nos desfiles de Halloween en Derry e San Patricio en Dublín. Son lembranzas que non se me borrarán. Cousas que ocorren no oeste de Irlanda.



Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro?  En que maneira?
Foi fundamental. Grazas á experiencia gañada neses 12 meses co SVE accedín ao meu actual traballo en América Central cunha ONG irlandesa. Aprendín máis ou perfeccionei as habilidades que xa tiña e acadei un nivel profesional de inglés. Sen este voluntariado non o tería conseguido.












Por que aconsellarías a outras persoas facer un SVE?
Pola experiencia e as portas que abre. O SVE pode ser moi útil de xeitos moi diversos. Pódese usar, como fixen eu, para saír dunha situación de desemprego logo da universidade, pero pode servir para facer algo diferente ou vivir noutro país se non fixeches un Erasmus. Ao fin e ao cabo, o SVE é o ti fas con el.





No hay comentarios:

Publicar un comentario