jueves, 13 de octubre de 2016

O mes de Lara en Lituania



 Lara Dopazo cóntavos a súa experiencia de SVE/EVS de curta duración en Lituania











  • Por que elixiches facer un SVE?
Pois en realidade non foi unha escolla: o voluntariado chegou a min por azar. Agora, visto con perspectiva, agradezo enormemente a ese azar que me puxera diante un voluntariado (e ademais en temas ambientais!!!) e dáme mágoa non ter coñecido o SVE antes, para poder, quizais, planificar un voluntariado de longa duración.

  • Que é o que máis che gustou? E o que menos? Tiveches algún problema?
Creo que me gustou todo. O voluntariado que eu fixen foi dun mes, e xuntámonos unhas 15 persoas de toda Europa e tamén de Xordania e Palestina, máis persoas da organización de acollida, que eran máis ou menos da mesma idade que as voluntarias e estaban moi involucradas na vida cultural da vila á que fomos. A acollida foi máis que cálida, con todo previsto para a nosa chegada e unha implicación grande a nivel local. Os recursos materiais eran escasos (por exemplo, acampamos durante máis da metade da estancia) pero isto tamén foi parte da adaptación ao entorno no que estabamos, e da aprendizaxe de ser o máis respectuosas posible co medio ambiente. 
 
  • Cal foi a maior aprendizaxe que tiveches durante a túa estancia?
Pola parte grupal, foi todo un reto a comunicación e a convivencia nun entorno tan multicultural. Non todo o mundo falaba inglés, e quen o falaba era cunha fluidez moi diferente. Desenvolvemos a capacidade de comunicarnos en diferentes linguas, de traducirnos unhas aos outros e mesmo de comunicarnos sen falar se era preciso. O mesmo aconteceu cos costumes de cada quen, e co xeito de ser e estar culturais. Foi un mes de botar prexuízos abaixo e de saber sacarlle o mellor partido ás nosas diferencias.
Pola parte 'natural', digamos, a experiencia foi magnífica. Parte do voluntariado desenvolveuse nun parque protexido, e o entorno era impresionante. Tamén a el tivemos que adaptarnos e tentar ser o máis respetuosas posible: non había casas, nin luz eléctrica, nin auga canalizada. Creo que eses días axudáronnos a aprender a priorizar e decidir que era importante e que non; así como a tomar decisións en grupo que fosen boas pra todo o mundo.

  • Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro? En que maneira?
Axudoume a ser máis adaptable a entornos culturais diferentes ao meu. A tentar ser menos prexuizosa cara o diferente e tentar comprender aos demais, que soa a frase feita de libro de autoaxuda, pero é certo. E axudoume, tamén, a ter unha pouca máis capacidade de supervivencia en lugares máis austeros (non sei moi ben como dicilo).
Cambiou a miña percepción de Europa, respecto ao crisol de culturas que é, e a miña relación coas linguas, coas francas como o inglés, pero tamén as minoritarias e minorazadas, como a miña e como boa parte das que se falan neste continente.

  • Por que aconsellarías a outras persoas facer un SVE?
Porque é unha oportunidade única de ir a un lugar ao que probablemente sexa difícil ir noutro contexto a facer algo que probablemente sexa imposible facer noutro contexto. Os beneficios de facer un SVE non son materiais, palpables. E son dificilmente explicables: aprender a comunicarte, a adaptarte e sobrevivir nun contexto cultural alleo, aprender linguas, facer amigos absolutamente distintos a ti, e gañar en autonomía. Aprender e desfrutar, finalmente, todo nun. É unha sorte poder facer un SVE. 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario