miércoles, 12 de octubre de 2016

Nadia estivo en Francia colaborando en actividades de educación ambiental




Nadia estivo 10 meses en Francia no 2012 colaborando cunha asociación no ámbito da educación ambiental.








- Por que elixiches facer un SVE?
Pois a verdade e que non sabía moi ben que facer ca miña vida. Tiña a carreira pendente duns créditos de libre configuración pero non quería pasar un ano máis con iso, así que mirei que opcións tiña, e investiguei sobre o SVE. Cando vin que había toda unha base de datos sobre os proxectos, vídeos en internet, información de outros voluntarios, que os gastos se sufragaban, que se ía con seguro internacional, e que non facían falta estudos rematados non o pensei moito máis.
- Que é o que máis che gustou? e o que menos? Tiveches algún problema?
Gustoume todo. Estiven 10 meses alá traballando en diferentes proxectos, polo que intentar reducir todas esas vivencias a uns cantos parágrafos faise case imposible.
Tiven a sorte de traballar nunha asociación que se adica a facer actividades educativas sobre a importancia do medio ambiente nas nosas vidas, sobre todo poñendo en valor o papel dos ríos e os ecosistemas acuáticos. Fan actividades tanto para nenos como para adultos, polo que tiven a sorte de traballar para ambos colectivos.
Pero ademais a asociación realizaba o longo do ano diferentes proxectos internacionais con asociación do resto de Europa e a zona do Magreb. Isto permitiume viaxar a outros países (Tunisia e Letonia) e coñecer a un montón de xente de diferentes culturas que visitaban as nosas instalacións para asistir a cursos, seminarios, campos de traballo e campamentos.




Obviamente, non todas as actividades que tiña que facer me gustaban, pero a experiencia foi moi gratificante. Se hai algo do SVE que non me gustara non foi a experiencia en sí, se non o SVE a nivel institucional. Creo que non se lle da visibilidade nin importancia, nin desde as administracións publicas (concellos, universidades, institutos...) nin por parte da empresa privada ou asociacións...
Non tiven ningún problema, aínda que si coñecín a xente que os tivo. Tamén e certo, que para iso están previstos os seminarios de chegada e as asociacións de envío, que en teoría deben facer un seguimento dos voluntarios que envían.

- Cal foi a maior aprendizaxe que tiveches durante a túa estancia?
A verdade e que aprendín moito, desde o máis obvio, como pode ser o idioma, ata cousas que non o son tanto, como pode ser aprender a desenvolverte soa nun aeroporto cando non coñeces o idioma, ter que xestionar os cartos, buscar novas amizades, somerxerte nunha nova cultura con todo o que iso implica (idioma, arquitectura, festas, gastronomía, horarios de ocio, diferentes formas de relacionarse...)

- Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro?  En que maneira?
Influíu na miña vida cotiá: en como me relaciono ca xente, co medio ambiente, en ter menos prexuízos, ser máis aberta de mente...
Desgraciadamente no ámbito laboral pouco influíu pero cando me fun tampouco pensaba nese aspecto, só quería facer algo que me fixera feliz, e durante 10 meses fíxeno.

- Por que aconsellarías a outras persoas facer un SVE?
É unha experiencia única:
- Ofrece a oportunidade de traballar en algo interesante para unha asociación sen ánimo de lucro
- Posibilidade de coñecer xente nova
- Aprender unha lingua nova
- É seguro
- É barato
- É divertido...
Axuda a crear unha cidadanía europea, que creo que agora é incluso máis necesaria do que o era xa en 2012. Eu desde logo se puidera repetir un SVE non o pensaba dúas veces.

No hay comentarios:

Publicar un comentario