viernes, 7 de octubre de 2016

A experiencia de Lucía en Eslovaquia

 
Lucía García Cernuda no 2014 durante un mes participou nun proxecto de corta duración xunto con outras 4 persoas en Eslovaquia. Aquí nos conta sobre a súa experiencia.













 
- Por que elixiches facer un SVE?
Levaba tempo facendo voluntariado en Galicia e apetecíame moito vivir a experiencia nun lugar diferente, fora. Creo que mais que porque elixín un SVE, elixín facer ese SVE concreto. Interesábame o tema (bioconstrución) e o país e sitio onde se ía levar a cabo: unha granxa nunha montaña eslovaca.


- Que é o que máis che gustou? e o que menos? Tiveches algún problema?
O lugar. O entorno natural onde nos quedamos era impresionante. Vivir naquela montaña e naquel val. Percorrer os traxectos camiñando entre bosques de abeleiras e carballos. O traballo no tellado tamén gustoume moito. Podía parecer monótono, atar fardos de xuncos todos os días, pero para nada era así. Era un traballo en equipo, no que a cada momento tiñas que ir solucionando encontros e pequenos detalles, subindo e baixando do tellado. Tamén fixemos moito traballo manual na horta e na granxa que persoalmente, paseino moi ben. O ambiente de comunidade que alí había tamén impresionoume, existían "bens comúns" que compartían entre todas as persoas habitantes (coches, o banco de alimentos, a gardería) que considero un modelo de xestión do que aprender cousas.

O que menos me gustou foron algúns aspectos da organización de acollida. Houbo temas que non estiveron ben xestionados en relación a saúde e a hixiene. Tamén custou bastante que as rapazas nos deixaran facer o traballo manual enriba do tellado xa que ao principio querían que estiveramos soamente de apoio abaixo.

- Cal foi a maior aprendizaxe que tiveches durante a túa estancia?
Aprendín a convivir en condicións moi peculiares con moita xente diferente. Foi unha situación moi especial que non creo que poda repetir nesas circunstancias e que como experiencia persoal enriqueceume moito.



- Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro?  En que maneira?

A nivel persoal, influíume moito. Para min o SVE en Sekier foi unha experiencia que vivín dunha forma moi intensa, teño moitos recordos asociados a ese mes. É certo que foi unha tempada breve, pero na que pasaron cosas extraordinarias. Tamén foi un trampolín de saída para outras viaxes e voluntariados en lugares mais lonxanos que virían despois. Mostroume que era capaz de facer cousas que non esperaba e asumir situacións delicadas. Ademais, serviume para formarme practicamente en temas de bioconstrución e tecnoloxías apropiadas que ata o momento soamente puidera aprender de forma teórica.

- Por que aconsellarías a outras persoas facer un SVE?

Creo que é unha oportunidade para aprender e convivir nun contexto moi diferente, dar algo a cambio de moito e coñecer outras formas de facer, ser e pensar.

Agradezo a Amigos da Terra a oportunidade de enviarme :)

1 comentario: