miércoles, 12 de octubre de 2016

As reflexións de Marta tras un ano en Eslovenia


Marta Fernández estivo en Slovenske Konjice en Eslovenia no 2006 durante un ano...










- Por que elixiches facer un SVE?

Supoño que pola mesma razón que calquera  universitario  se decide a facer un Erasmus .Queres vivir unha experiencia internacional e é un bo modo de vivila sen ter moitos cartos.


- Que é o que máis che gustou? e o que menos? Tiveches algún problema?

É difícil escoller o que máis me gustou, por suposto que tiven problemas, pero penso que tampouco cambiaría nada nese aspecto. Nesa experiencia sempre  podes ter algún  problema. O meu voluntariado durou un ano e nese tempo tratas con moita xente e pódense producir malentendidos ou ás veces, coma en calquera momento da vida, podes sufrir frustracións. No voluntariado  tes responsabilidades e, ás veces, dependes de moitas persoas para desenvolverte, sobre todo ó principio, se a iso unes as fallas na comunicación por culpa do idioma, necesitas enerxía e vontade.

- Cal foi a maior aprendizaxe que tiveches durante a túa estancia.
A miña estancia foi xa fai dez anos, teño 34 anos agora. Comento isto porque aínda que poida resultar paradoxal, é difícil ver en perspectiva dende tan lonxe, xa que, nalgúns momentos, penso se non estarei idealizando a miña vivencia. Logo, cando reflexiono un pouco mais dígome: non! é certo que foi xenial!
Supoño que aprendín que, a verdade, é que non somos tan distintos. As persoas, digo. Ó final, non importa de onde veñas, ou onde esteas, sempre podes facer unha amizade que dure toda a vida, rir hasta caer ó chan e chorar como se fose o teu último día na terra.

- Agora con perspectiva, o SVE influíu no teu futuro? En que maneira?
Penso que moitísimo. É imposible nomear todos os aspectos nos que influíu a miña estadía, pero a un nivel práctico:  Estiven un ano enteiro falando exclusivamente en inglés , agás nos momentos en que tentaba desenvolverme en esloveno claro!. Xa en España, afrontei entrevistas de traballo con moita maior seguridade e, algunhas delas eran en inglés.
Vivín un ano enteiro de viaxes por Europa e de coñecemento dunha chea de persoas de todas as partes do continente e, isto doume unha perspectiva internacional que me permitiu tamén ver o meu futuro laboral de maneira distinta. Eu son de Ourense, pero, despois da miña experiencia, xa barallaba con normalidade a posibilidade de acudir a unha entrevista a Frankfurt ou a París.  É unha forma de falar, non pensedes tampouco que de súpeto se me disputaban nas empresas. De feito non conseguín ningún daqueles traballos naquel momento.

- Por que aconsellarías a outras persoas facer un SVE?

Eu recomendo esta experiencia  por moitas razóns  pero, de novo, a un nivel práctico: páganche a viaxe de ida e volta, o  aloxamento e dánche algúns cartos ó mes. Podes aprender o idioma local e, aparte, tes que practicar o inglés queiras ou non queiras. Que tes que perder? Xa sei que é unha visión pouco idealista pero é que, a verdade, se non tes traballo neste momento, e tes menos de 30 anos, poderías atoparte de repente, coma me pasou a min, impartindo clases de español en inglés  a eslovenos nunha casa da xuventude, mentres tes as túas necesidades cubertas vivindo pola túa conta. E, cando podería sucederche iso en España? Supoño que hai afortunadas e afortunados , pero dubido que a maioría da xente nova teña oportunidades así.
Non podo resumir aquí todo o que me pasou e recoñezo que tiven moita sorte. Fun a primeira voluntaria que recibiu Slovenske Konjice, e tratáronme con moito cariño. Estiven eu sola durante meses hasta que chegou algunha outra voluntaria. Outras voluntarias  e voluntarios noutros lugares, sei que tiveron peor sorte. A túa vida alí depende moito  de que che guste o  acomodo que che procuraron,  de que tarefas queiran que desenvolvas ou de canto tempo teñan para dedicarche. O certo é que, debo dicir que, o peor que che pode pasar é que esteas insatisfeito e decidas marchar, e, aínda que sexa politicamente incorrecto, serás libre de facelo. Se che pasa algo así que, o máis probable é que non, estou segurísima de que aínda así, nunca te vas arrepentir de telo intentado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario